Friday 03 de May de 2024

O Concello aumenta a dotación para entidades sociais de Ribeira


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e o concelleiro de Servizos Sociais, asinaron hoxe novos convenios de colaboración con entidades de Ribeira para a prestación de servizos sociais.

As entidades que colaboran co Concello son a Asociación Ambar, co proxecto “Vivindo na comunidade”, AMICOS, co proxecto “Servizo de atención pedagóxica”, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela- Parroquia de Ribeira, co proxecto “ Atención a familias vulnerables”, Cruz Vermella Ribeira, co proxecto ANIMA-T, Faibén, Fundación de apoio á infancia e ao benestar, co Proxecto “Contigo”, Renacer, Asociación antidroga co proxecto “Prevención das drogodependencias” e A Creba, Asociación pro saúde mental, co proxecto “Programa de transporte de usuarios”.

O alcalde destacou que este ano o concello “incrementa en 400 euros a dotación anual para cada entidade” e agradeceu asimesmo “a labor esencial que desempeñan na construción dunha sociedade máis xusta e equitativa”. Luís Pérez reafirmou tamén o seu compromiso con tódalas entidades para seguir colaborando e incrementando a dotación orzamentaria nos vindeiros anos co propósito de “mellorar os servizos sociais e contribuir ao benestar de toda a veciñanza de Ribeira.”

Pola súa parte, o tenente de alcalde Vicente Mariño, agradeceu a labor de tódalas asociacións e destacou a importancia de “adaptar o investimento en Servizos Sociais para asegurar a calidade e eficacia dos mesmos”.